GONZALO TRENOR RESPONDE A AGE QUE “NON HAI DENUNCIAS POR PERTENCER A COLECTIVOS OU EXERCER DEREITOS, SENÓN POR COMETER INFRACCIÓNS  E VULNERAR A LEXISLACIÓN VIXENTE”

O deputado popular destacou as actuacións da Xunta de Galicia coas familias desafiuzadas, ben a través da prevención ou dos programas Reconduce e de realoxo de afectados por execucións hipotecarias

  • Trenor manifestou que AGE “non defenden o interese xeral, nin a cidadanía no seu conxunto, nin sequera os movementos sociais, senón que están a defender o interese da súa organización e dun dos seus afiliados”

Santiago, 25 de marzo de 2015.- O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor afirmou hoxe no Parlamento que “non hai denuncias por pertencer a un colectivo determinado ou por exercer un dereito, hai denuncias por cometer infraccións e por vulnerar a lexislación vixente”. Así mesmo, destacou as actuacións da Xunta de Galicia en beneficio das familias desafiuzadas, ben coa prevención a través dos servizos sociais dos concellos ou dos programas Reconduce ou de realoxo de afectados por execucións hipotecarias.

No debate dunha proposición non de lei sobre os feitos acaecidos durante un desafiuzamento na parroquia de Aríns en Santiago, Gonzalo Trenor demandou “un pouco de responsabilidade” ao grupo parlamentario de AGE e lembrou que a actuación policial levouse a cabo en cumprimento dunha sentencia xudicial en firme, producíndose uns altercados que derivou nunha detención e nunha persoa encausada.

“Ninguén foi encausado por impedir un desafiuzamento nin por formar parte dunha plataforma, porque no noso país ninguén é arrestado pola súa pertenza a unha organización política”, sinalou o deputado popular. En concreto, manifestou que coa iniciativa presentada por AGE “non defenden o interese xeral, non están a defender a cidadanía no seu conxunto, nin sequera os movementos sociais, senón que están a defender o interese da súa organización e dun dos seus afiliados, chegando a esconder as súas siglas porque a sociedade esta farta de vostedes”.

 

MEDIDAS PARA OS DESAFIUZADOS

Respecto das familias afectadas por desafiuzamentos, Trenor destacou o convenio asinado entre a Xunta de Galicia, o Consello do Poder Xudicial e a Federación Galega de Municipios e Provincias, a través do que se permite aos servizos sociais activar as medidas de prevención antes de que se produza o desafiuzamento”.

O deputado popular fixo referencia ao programa Reconduce, que busca evitar a apertura dos procesos de execución hipotecaria e, naqueles casos nos que o proceso xudicial xa estivera en curso, proporcionar atención laboral, xustiza gratuíta e a buscar unha vivenda alternativa.

Así mesmo, subliñou que o Programa de realoxo está permitindo que familias afectadas por execucións hipotecarias da súa residencia habitual teñan a posibilidade de beneficiarse dunha adxudicación directa de vivendas de promoción pública que forman parte do parque de vivendas propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo. “No caso de que non se dispoña de vivendas de promoción pública, se recorrerá ás vivendas do programa Aluga”, concretou.

“Ata o momento, a través deste programa adxudicáronse 43 vivendas, é dicir, atendéronse todos os solicitantes con dereito a mesma, aínda que en cinco casos se produciron renuncias ás vivendas adxudicadas”, sinalou o deputado popular.