O GRUPO POPULAR ACUSA Á OPOSICIÓN DE “PRETENDER CONFUNDIR AOS PROFESIONAIS DA PESCA CON INTERPRETACIÓNS INCERTAS”

O deputado Gonzalo Trenor explicou que “os regulamentos europeos e os totais admisibles de capturas (TAC) son de aplicación directa en todas as augas comunitarias sen excepción”

  • “Autorizar unilateralmente a pesca en augas interiores, sen ter en conta os TAC, é un camiño sen saída e pode dar lugar a sancións por sobrepesca, con consecuencias directas que pagarán os nosos mariñeiros”, indicou

Santiago, 4 de febreiro de 2015.- O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor acusou hoxe aos grupos da oposición de “pretender confundir aos profesionais da pesca con interpretacións incertas”, xa que explicou que “os regulamentos europeos e os totais admisibles de capturas (TAC) son de aplicación directa en todas as augas comunitarias sen excepción”.

 

Trenor indicou que “autorizar unilateralmente a pesca en augas interiores, sen ter en conta os TAC, é un camiño sen saída e pode dar lugar a sancións por sobrepesca, con consecuencias directas que pagarán os nosos mariñeiros”.

 

APLICACIÓN DOS REGULAMENTOS EUROPEOS

 

“Os regulamentos europeos e os TAC son de aplicación directa en todas as augas comunitarias sen excepción”, manifestou o deputado popular, quen recordou que “a autorización no seu día de sobrepesca da xarda estámola a pagar hoxe con sancións”.

Gonzalo Trenor afirmou que “o Goberno galego vén defendendo dende sempre, perante o Goberno Central, as súas competencias exclusivas en augas interiores”, como o demostra “a abondosa normativa que a Consellería do Medio Rural e do Mar publica periodicamente no Diario Oficial de Galicia en materia de marisqueo, acuicultura e pesca en augas interiores”.

Neste sentido, o deputado popular apuntou que a sentenza que afianza a competencia de Galicia en augas interiores “foi a resultas dun conflito co Estado, pero non nos da autonomía fronte a Europa porque as normas comunitarias son de aplicación directa en todas as augas da UE sen excepción”.