O GRUPO POPULAR ACUSA Á OPOSICIÓN DE “PRETENDER CONFUNDIR AOS PROFESIONAIS DA PESCA CON INTERPRETACIÓNS INCERTAS”

O deputado Gonzalo Trenor explicou que “os regulamentos europeos e os totais admisibles de capturas (TAC) son de aplicación directa en todas as augas comunitarias sen excepción”

  • “Autorizar unilateralmente a pesca en augas interiores, sen ter en conta os TAC, é un camiño sen saída e pode dar lugar a sancións por sobrepesca, con consecuencias directas que pagarán os nosos mariñeiros”, indicou

Santiago, 4 de febreiro de 2015.- O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor acusou hoxe aos grupos da oposición de “pretender confundir aos profesionais da pesca con interpretacións incertas”, xa que explicou que “os regulamentos europeos e os totais admisibles de capturas (TAC) son de aplicación directa en todas as augas comunitarias sen excepción”.

 

Trenor indicou que “autorizar unilateralmente a pesca en augas interiores, sen ter en conta os TAC, é un camiño sen saída e pode dar lugar a sancións por sobrepesca, con consecuencias directas que pagarán os nosos mariñeiros”.

 

APLICACIÓN DOS REGULAMENTOS EUROPEOS

 

“Os regulamentos europeos e os TAC son de aplicación directa en todas as augas comunitarias sen excepción”, manifestou o deputado popular, quen recordou que “a autorización no seu día de sobrepesca da xarda estámola a pagar hoxe con sancións”.

Gonzalo Trenor afirmou que “o Goberno galego vén defendendo dende sempre, perante o Goberno Central, as súas competencias exclusivas en augas interiores”, como o demostra “a abondosa normativa que a Consellería do Medio Rural e do Mar publica periodicamente no Diario Oficial de Galicia en materia de marisqueo, acuicultura e pesca en augas interiores”.

Neste sentido, o deputado popular apuntou que a sentenza que afianza a competencia de Galicia en augas interiores “foi a resultas dun conflito co Estado, pero non nos da autonomía fronte a Europa porque as normas comunitarias son de aplicación directa en todas as augas da UE sen excepción”.

GONZALO TRENOR AFIRMA QUE A NOVA DELIMITACIÓN DE ESPAZOS E USOS DO PORTO DE A CORUÑA “PERMITIRÁ CONTINUAR COA PEATONALIZACIÓN E NON CONTEMPLA A CONSTRUCIÓN DE VIVENDAS”

O deputado popular lembrou que “a ordenación detallada farase coa posta en servizo de Punta Langosteira”

  • Concretou que esta adaptación “avanza no programa de integración do terreo portuario na cidade pensando no seu desenvolvemento futuro e no ben de todos os coruñeses”

Santiago, 10 de decembro de 2014.- O deputado do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, afirmou  hoxe no Parlamento que a nova delimitación de espazos e usos do porto de A Coruña “permitirá continuar coa peatonalización da fachada marítima da cidade e duplicar a superficie dos xardíns de Méndez Núñez, pero non contempla, en ningún caso, a construción de vivendas nestes terreos”. Así mesmo, lembrou que “a ordenación detallada farase coa posta en servizo de Punta Langosteira e a conseguinte liberación de terreos do porto actual”.

Gonzalo Trenor lembrou que a nova delimitación de espazos e usos portuarios do porto de A Coruña, publicada o pasado mes de outubro no Boletín Oficial do Estado, inclúe a flexibilización de usos mediante a introdución de usos mixtos. “Deste xeito, os peiraos de Batería e Calvo Sotelo pasan a combinar o uso portuario comercial co de non portuario de integración porto-cidade”, indicou.

TRÁFICO DE MERCADORÍAS E USO PÚBLICO

Este cambio, que xa fora aprobado polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria, permitirá que coexistan o tráfico de mercancías e os equipamentos de uso público para a cidade. Trenor concretou que esta adaptación “avanza no programa de integración do terreo portuario na cidade pensando no seu desenvolvemento futuro e no ben de todos os coruñeses e coruñesas”.

Deste xeito, o deputado popular asegurou, en primeiro lugar, que a adaptación “non contempla, en ningún caso a construción de vivendas nestes terreos, ao tempo que permitira continuar coa peatonalización xa que avanzará na eliminación da autovía que atravesa a cidade”. En resumo, esta actuación mellorará a fachada marítima e a mobilidade, dándolle prioridade aos peóns e o uso da bicicleta con máis de 40.000 metros cadrados novos para o uso dos coruñeses, aos que se engade máis de 50.000 metros cadrados da Marina-Parrote; máis os 15.000 do Dique de Abrigo-Ás Ánimas, e os 14.000 da Dársena de Oza.

Gonzalo Trenor engadiu que tamén se incrementarán os xardíns de Méndez Núñez ata o borde da auga, duplicando a superficie que ocupan os actuais.